Vistas de página en total

domingo, 20 de enero de 2013

RIBEIRA DE PIQUÍN F.S. 5 - 6 S.D. PAZOS Fútbol Sala

Victoria in-extremis da S.D. Pazos Fútbol Sala no seu desprazamento a Ribeira de Piquín. Tentárono en todo momento os locais pero ó final non puideron cos homes de Marcelo.
O técnico de Pazos propuxo nesta ocasión o seguinte quinteto: Esteban-José-Lito-Luis e Yoni, contando no banco con: Santi, Jacobo, Borja e el mesmo.
O encontro comezou cos nosos plantados en media pista, mentres que os da casa tentaban combinar para achegarse ós dominios de Esteban. A pesar da maior posesión dos de Ribeira, a primeira boa ocasión tivoa Jose nos seus pes, pero o seu disparo topouse coa intervención do porteiro. Tras esta acción, os locais encadearon varias xogadas finalizando todas elas en boas intervencións dun segurísimo Esteban.
Co partido nivelado, os visitantes conseguirían o 0-1 no minuto oito. Contrataque por banda de Lito que cede ó segundo pau a Santi, quen tras controar, fusila por abaixo ó porteiro. Ante o desconcerto do Ribeira tras este gol, dous minutos mais tarde chegaría o segundo, falta sobre José que se ía cara a meta local, e tremendo disparo de Jacobo na execución da mesma, 0-2.
Vendo como se puña o partido, o conxunto local foise mais arriba, e logo dunha perda en medio campo dos nosos, recurtaba distancias nun dous para un con Esteban que nada podía facer; 1-2 minuto doce.
Volvéronlle tomar o pulso ó encontro os visitantes, e xogando tal vez os seus mellores minutos lograrían o 1-3. Xogada individual de Lito regateando a varios rivais, tira a porta e o rexeite caelle a Borja, este asiste a Luis, que tras quebrar a un contrario, anota o terceiro de tiro cruzado.
A partir deste intre o encontro muda por completo, o Ribeira de Piquín saca ó porteiro-xogador, monopolizando case a totalidade da posesión. A pesar de que os de Pazos defenderon ben os primeiros ataques, non foron capaces de evitar  o 2-3, logo dunha xogada moi elaborada no minuto dezaseis.
Continuarían a confiar nesta estratexia os da casa, pero cada erro no pase, era aprobeitado polos nosos para intimidar con tiros lonxáns. Nun destes erros, Santi establecía o 2-4 cun preciso disparo dende a sua área, minuto dezaoito. Con este resultado acababa o primeiro tempo.
O segunda metade sería de clara cor local, que ante o adverso do resultado encerrou ós nosos no seu campo.Non se sentiu cómoda a S.D. Pazos en todo este periodo, incapaz de mover o balón con fluidez ante a asfixiante presión do Ribeira. Despois de varios intentos de gol respostados por un sobresainte Esteban chegaría o 3-4, era o minuto seis cando un tapado meta  de Pazos vese sorprendido por un tiro rival.
Todo seguiría igual nos minutos vindeiros, presión do Ribeira, algunha contra perigosa dos nosos, e as mellores ocasións para os lugueses. A cinco minutos para o final volven ó xogo de cinco os locais, pero non conseguirían anotar. Tentaba sair a S.D. Pazos neses intres do acoso ó que estaba sometido, e pouco faltou para que marcase tras unha estratexia de corner que despexa o meta. Nun saque de porta que colle adiantado a todo o coxunto visitante, o  Ribeira empata  o partido noutro dous para un con Esteban, 4-4. 
Terían a sorte de cara esta vez os nosos, xa que no seguinte ataque, Lito era obxecto de falta , e outra vez Jacobo era quen de anotar de tiro directo, 4-5 ninuto dezasete.
Os locais atacarían seguido de cinco nos derradeiros minutos, contando ata con varios tiros ó pau e arriescándose a recibir algún gol lonxán, como a tiros de Santi ou Luis que non se van por moito. No minuto dezanove o 5-5, perda de balón de Luis cando intenta armar un contragolpe, e gol do Ribeira. Quedaban tan só vintecinco segundos para o final e Marcelo opta polo porteiro xogador, non crean perigo os de Pazos e ainda Jacobo ten que deter un tiro de campo a campo.
A oito segundos, o balón era do Ribeira que xoga de cinco, Lito sae decidido a roubar e consegueo, o balón cae ós pes de Luis que acompañaba a acción, velozísimo cruza o medio campo e marca a porta valeira. Falataba un segundo para o final.
Importante victoria lonxe de Pazos ante un rival durísimo, que demostrou nos dous encontros que sempre sae a gañar. A pizca de sorte que nos faltou a semana anterior apareceu nesta xornada.

No hay comentarios: