Vistas de página en total

jueves, 6 de junio de 2019

S.D. PAZOS Fútbol Sala 6 - 3 RIBEIRA F.S.

CAMPEÓN DE LIGA 2018/19
Antes de comezar co resumo do encontro que nos convertiu en campeón de liga e a sua vez en equipo de 2ª división B, o primeiro que queremos facer, é felicitar ó rival que tivemos enfronte, o Ribeira F.S..
E de xustiza facelo, primeiro, pola sua excelente tempada con números de campeón, e segundo, e para nos mais importante, polo seu envexable comportamento, antes, durante, e despois do partido. Porque si é importante saber gañar, mais o é saber perder, e eles, deron toda unha lección. NORABOA¡ e moita sorte no futuro.
Agora si, turno para os nosos.
Os rapaces de Fran Amoedo, Jonas e Adri conseguírono¡¡¡. Acadaron por fin, á terceira, tralas duas fallidas fases de ascenso anteriores, o salto de categoría á 2ª división B.
E fixérono, como aquí non podía ser doutra maneira, tirando de épica.
Demostrando os valores que son seña do noso humilde club: determinación, traballo, competitividade, coraxe e convicción.
Só así se pode explicar, que te vexas perdendo no minuto dez por 0-2, cando non che serve nin o empate, e sexas quen de erguerte, e darlle a volta ó resultado para gañar con todo merecemento.
Un ateigado "Anfield", observaba entrar á pista ós dous equipos dun xeito posiblemente inagardado.
Era de supoñer un aluvión do conxunto local nos primeiros compases, e un equipo visitante á espectativa, ó partires con certa ventaxa, pero non sería para nada o que sucedería.
Moi nerviosos os da casa, e lonxe do equipo no que se convertiría co paso dos minutos.
Os lucenses cómodos, porque a presión local era frouxa, ou por momentos incluso inexistente.
As chegadas a porta medio se repartían, pero eran eles os que mellor as aproveitaban.
Tres ocasións, dous goles, e o choque que se poñía moi costa arriba.
Trala arenga de Fran nun tempo morto, no que lle solicitaba ó equipo que por favor fose el mesmo, e que tivera a personalidade que o levara ata aquí, os da casa, mellorarían considerablemente, reducindo distancias no marcador por mediación de Jonas.
Tralo paso por vestiarios, o equipo que regresaría sería outro, ou mellor dito, era o de case sempre.
Saiu a gobernar, a dar ritmo, a apretar, as transicións de vértixe... ó que nos vai por aquí vamos.
Así e todo, tivo sorte tamén, porque na primeira acción que o Ribeira rondaba os dominios de Kuka, o balón remataría no poste, que de ir a dentro, puido cortar de raiz calquer tipo de reacción.
Foi como como unha labazada, e entón daba comezo a festa.
Alexis, un baluarte defensivo, sacou a relucir a sua inesgotable calidade, e logo de encarar en banda, sacaba un latigazo que certificaba a igualada.
Volta a comezar de cero, pero cos vermellos con gañas de rock n roll, e co rival, bastante contrariado.
Minutos despois, unha xogada levada por Jonas, con posterior asistencia de Jony Costas, metíaa na rede Diego case dende o chan, completando a incrible remontada.
Teríamos mais, pero non as meteríamos, e o Ribeira, voltaría a demostrar o porque da sua clasificación.
Chegada perigosa, e disparo exterior para o empate que sorprendía a Kuka, difícil de creer, dado o estado que atravesa o noso cancerbeiro.
Mais madeira, e agora sería Jony, que logo dun contragolpe, remachaba no segundo pau un bo pase de Pablo.
O 4-3 non ía a ser definitivo, e iso sabíano tódolos presentes, a tenor do espectáculo que se estaba vivindo.
Con oito minutos ainda por xogarse, e cos visitantes tocados, pero á vez volcados, un balón longo sobre Diego exercendo de pivot, controlábao este, e sacaba un disparo polo primer pau que non sería quen de deter David.
5-3, e a posibilidade de título moitísimo mais preto.
Un minuto mais tarde, o Ribeira, dado os acotencementos e troco de esceario, xogábase o todo polo todo, introducindo a figura do porteiro-xogador.
Defensa espartana, un Kuka inconmensurable, como a maior parte do encontro, e os visitantes que queimaban as suas naves arriscando cada vez un chisquiño mais.
Nunha desas, no derradeiro minuto, Luis, interceptaba unha bola e fuxía imparable cara meta rival, levando o delirio ás bancadas, e selando definitivamente a consecución do título de liga.
A S.D. Pazos Fútbol Sala alcanzou o seu cénit co ascenso de categoría, e agora, chega o tempo da reflexión.
De pensar se é asumible un salto tal, tanto deportivo, como económico, sendo este último o mais relevante.
De valorar si o noso pequeno club está preparado para tal reto, e de si todo o entorno que o rodea esta pola labor.
Entre tanto, o equipo afronta este vindeiro fin de semana a Fase Final da Copa en Carballiño, outro apaixoante reto co que poder pechar unha tempada que sería perfecta.
Ó final desta competición, faremos un balance global do que foi a tempada, repasando números e logros, e sobretodo, cos agradecementos a todos aqueles que os fixeron posibles.

S.D. PAZOS Fútbol Sala: Kuka - Pablo - Alexis(1) - Jony (1) e Luis(1); Bizza, Jose, Jonas(1), Jony Costas, Alex, Diego(2) e Sergio.
RIBEIRA F.S.: David - Quintela(1) - Marcos - Francisco e Lobeiras; Iago, Javier, Carlos(1), Diego(1), Pablo e Cley.

GOLES.

  • 0-1 (min.4) Quintela envía a rede tras dous rexeites dentro da área.
  • 0-2 (min.11) Balón longo cara Carlos, que controla, e marca a reviravolta por toda a escadra da portería de Kuka.
  • 1-2 (min.12) Saque de banda sobre Jonas, que amaga disparo, recurta, e coa dereita clavaa na escadra.
  • 2-2 (min.22) Jony Costas cara Alexis, que en banda, rompe ó seu par, e saca un zapatazo tremendo ó pau longo que entra tras bater no poste. Golazo. 
  • 3-2 (min.24) Acción persoal de Jonas que conduce ata ó borde da área, pase para Jony Costas, e asistencia deste ó segundo pau que remata Diego en posición pouco ortodoxa.
  • 3-3 (min.27) Xogada persoal de Diego, que se perfila, e saca un chut loxano cruzado que sorprende a Kuka.
  • 4-3 (min.27) Contra 3x2, e asistencia de Pablo cara Jony, que remacha a rede vindo dende atrás.
  • 5-3 (min.32) Pase longo de Jony cara Diego, que controla na lateral, e saca un disparo seco polo primer pau.
  • 6-3 (min.39) Luis curta un pase no xogo de cinco visitante, e vaise en velocidade cara a porta para anotar a pracer.




No hay comentarios: