Vistas de página en total

lunes, 17 de marzo de 2014

A.D.F.S. BUEU 5 - 6 S.D. PAZOS Fútbol Sala

Valiosísima victoria a lograda este sábado pasado en Bueu. Sen estes tres puntos, e ante as victorias dos primeiros clasificados, os de Marcelo, quedarían prácticamente descartados da pelexa final polos postos de privilexio.
A síntese que define este choque é moi sinxela, mentras que os nosos para crear perigo necesitan elevorar moi pouco, ó rival sucédelle xustamente o contrario.
Nos debemos ir ó descanso cos deberes feitos, xa que tivemos ocasións dabondo para facelo, mentres que os locais, só dispararon a porta en catro ocasións, os dous goles, unha parada de Jorge, e outra que se foi fora. Non o fixemos, e sufrimos no segundo tempo, un pouco pola nosa espesez, e outro, pola notable melloría dos da casa.
O quinteto inicial estivo formado por: Jorge-Lito-Luis-Jony e Remo, no banco: Bizza, Hugo, Santi e Borja; José, non puido disputar nin un minuto ó non recuperarse das molestias que sofre nun nocello.
Apenas comezar xa disporiamos da primeira clarísima. Rouba Jony na xogada de inicio local, prántase só diante do porteiro, pero demórase no remate e é cazado por detrás. O lanzamento de falta seguinte a cargo de Lito, iríase a rentes do pau.
Uns intres despois, sería Luis a pase de Lito, quen probaría de primeiras os reflexos do meta.
O Bueu non cruzaba do medio campo a pesar de ter o balón, e o gol rondaba en cada erro que cometían nas entregas.
A primeira aproximación polos dominios de Jorge supuxo o 1-0, minuto cinco. Tenta roubar Luis en medio campo, non o consegue, e pase perfecto ás costas de Jony ó segundo pau, que só teñen que empurrar. Lavazada que nos fixo ver o que podía ocorrer.
Un minuto despois xa lograbamos as taboas. Saida de presión ben executada, exquisita asistencia de Lito co exterior do pé ó segundo pau, e Borja, remacha á rede vindo dende atrás, 1-1.
De seguido outra moi boa para pornos por diante, pase filtrado ó interior da área de Hugo, e Luis, erra por pouco no seu intento de vaselina.
No minuto dez facíamos o 1-2. Luis encara ó seu par na banda, deixao co molde, e asiste ó segundo pau, onde Remo, que intue a xogada, empurra á rede.
Ata os derradeiros dous minutos gozamos do mellor dos vermellos, cun Jorge, convertido en mero espectador, a non ser por algún corte a balón en longo.
Puido marcar Jony, noutro man a man co porteiro no que remata algo forzado, e puido Luis, nun latigazo que se estrelou no pau. Non o conseguimos, e entón decidimos agasallar co empate a un conxunto local, que parecía conforme con irse ós vestiarios cun resultado que os mantiña vivos.
Dous minutos de patio de colexio, nos cales, erramos no pase en tres saque de banda seguidos sen ningún tipo de presión, Jorge tivo que enmendar cunha boa parada un mal saque de porta, e para finalizar, asistimos á falta de segundos no que sería o 2-2.
Jony, entretense ante a tímida presión local, que vendo a acción, asfixia ó xogador vermello. Cando a quere sacar, xa é demasiado tarde, e o seu intento de pase remata en asistencia a un rival.
Tralo saque de centro, aínda perdemos outra que a piques estivo de convertir Esteban índoselle o disparo por pouco.
No segundo tempo baixamos bastante, e só a maior efectiviadade de cara a porta nos permitiu facernos cos tres puntos.
As ocasións repartíronse neste periodo xa dende o pitido inicial, achegábase o Bueu e respostabamos nós, se ben é certo que o peso levávano eles.
No minuto tres o 2-3. Saque ás costas da defensa de Bizza cara Borja, pínchaa este, e define por raso.
Bizza cun paradón nos seguintes minutos, permitiríanos continuar uns intres mais por diante.
O 3-3 chegaría de penalti, minuto seis. Barullo na área, e pena máxima que executa inapelable Rodri.
Bizza voltaría a ser providencial con outra gran intervención, ó igual que o meta do Bueu, quen cun magnifico pé, cortaba o pase de Luis sobre Lito que xa se preparaba para empurrar.
No minuto doce o 3-4. Pase co pe de Bizza á cabeza de Jony, quen de costas e moi valente, anticípase á saída do porteiro.
A primeira polémica vivíuse no 4-4, minuto trece. Falta clarísima sobre Lito que non se sinala, e gol ante Bizza na continuación da mesma.
Mais controversia no 4-5, minuto dezasete. Contra do Bueu abortada na nosa área, un xogador local cae ó chan ante a nosa saída ó contragolpe, ninguén lle toca, e os colexiados non sinalan nada, Luis sae en velocidade, xoga sobre Lito, asistencia deste, e gol de Santi que acompaña ó segundo.
Pódese entender o malestar no conxunto local por non botar o balón fora, cousa que fixemos nunha xogada anterior con empate no electrónico e todo a favor. Pero tamén se pode entender que os nosos, creran que só se pretendía parar o xogo. Resaltar que fomos sancionados co cupo de faltas ós dez minutos de ambos periodos, cun penalti, e cunha morea de tarxetas, polo que a rigurosidade arbitral debería quedar fora de toda dúbida.
Ata o final, xogo de cinco proposto polo Bueu, quen avisa tras boa xogada que despexa Bizza, e anota, cun tiro exterior afortunado que bate en Lito e se coa dentro, 5-5.
No derradeiro minuto, a ambición local, continuando co porteiro xogador, desemboca nun roubo de Lito na presión, que se vai por banda, e anota dende ahí a pracer o defintivo 6-5.
Posiblemente o xusto houbese sido un empate, cun tempo para cada equipo, pero este tipo de encontros decideos a maior pegada.
   

No hay comentarios: