Vistas de página en total

lunes, 7 de abril de 2014

S.D. PAZOS Fútbol Sala 8 - 3 TROULA F.S.

A clave desta victoria estivo na intensidade e concentración coa que afrontaron os nosos o encontro. Marcelo, incidiu durante toda a semana na importancia deste partido para poder afrontar o que resta de competición con opcións ó titulo. A tenor do visto sobre a pista do municipal, os rapaces captaron a mensaxe con claridade.
Quinteto inicial: Jorge-Lito-Luis-Remo e Jony, no banco: Bizza, Hugo, José e Borja. Santi non puido xogar ó non recuperarse do golpe sufrido no último adestramento.
O choque púxosenos cedo de cara. No minuto un, Lito anticípase en media pista, vaise de dous defensores, e asiste a Remo que empurra libre de marca, 1-0.
O rumbo do encontro puido cambiar tras sacar de centro. O Troula trenza una boa xogada e consegue plantar a un xogador só diante de Jorge, o porteiro local resulta vencedor no man a man. Aviso claro para os locais de que cada erro en defensa podía sair moi caro.
A estratexia tíñamola asimilada, forte presión en media pista, incomodar ó rival, e finalizar tódolos ataques.
O 2-0 chegaría no minuto cinco e medio, xusto despois de dous perigosos ataques, un por cada bando. Inicia Luis e xoga con Lito na banda, un para un deste, que cunha bicicleta deixa tirado ó defensor, dende a liña de puntos, saca un punteirazo raso que se vai adentro.
Subimos mais o ritmo nos minutos seguintes, creando dúbidas no contrario, e obligándoos a caer en continuas perdas.
Nos atacabamos ben, creando ocasións, antes do terceiro gol, tivemos tres moi claras. Un pase co exterior de Lito no que Borja non consegue rematar ben ante o porteiro, unha parede entre José e Luis con disparo final deste que desvía o meta a corner, e sobre todo, unha xenial acción de Borja no pivot, na que se revolve con calidade e estrela a bola na cruceta.
O 3-0 no minuto quince. Luis encara na banda e vaise cun túnel do adversario, asiste ó segundo pau, e alí, Remo remacha con seguridade.
Un minuto e medio mais tarde reaccionaría o Troula. Falta lonxana que executa I. Socastro, e Jorge no atina a despexar, 3-1.
Non nos amedentrou este gol, xa que en ningún momento lle perderamos o respeto ó contrario, sendo moi conscientes da sua calidade.
Remo puido marcar de seguido nun dous para un con Jony que o asiste, o porteiro, tira de reflexos e consegue enviar a corner.
A falta de dous minutos fariamos o 4-1. Jony recibe na liña de puntos un pase atrás de Luis, quebra a un defensa, e de punteirazo, cola o balón entre as pernas do porteiro.
Co Troula tentando recurtar distancias, asestamos o derradeiro golpe deste periodo. Saque longo de porta de Jorge cara Remo, este controla co peito, desfaise da sua marca, e deixalla franca a Luis que remata vindo dende atrás, 5-1.
Primeiro tempo que se axustaba case ó cen por cen ó que pretendía Marcelo, e que deixaba moi tocados ós coruñeses para afrontar o segundo.
Este periodo non deu para moito, xa que a condensación na pista fixo acto de presencia, converténdoa en impracticable co caer dos  minutos.
Os primeiros minutos foron parellos, con ambición visitante, e sen baixar o pistón os da casa, ata que no minuto tres rómpese definitivamente o encontro.
I. Socastro é expulsado por agredir co cóbado a Borja, vermella directa e superioridade local. Administrámola regular, sen case crear perigo pero sen concedelo tampouco, e nos intres finais a sorte caeu do noso lado. José, faise co balón nun saque de banda en contra, mete en profundidade a Luis, que se vai rápido cara porta, e este, asiste a Borja, que no segundo pau anota a pesar dos esforzos por evitalo de Alex, 6-1.
A partir daquí, os de Marcelo, pasaron a defender con todo a ventaxa adquirida, sen renunciar ó ataque, pero tentando que Bizza pasase os menos apuros posibles. A pesar de todo, Bizza, tería que resolver con duas paradas salientables os problemas que lle creaban.
A falta de trece minutos o Troula pon en liza o porteiro-xogador, monopolizando a posesión pero sen recurtar distancias.
No minuto oito, seriamos nos quen ampliabamos a ventaxa. Disparo de falta de Jony que se atopa coa resposta do porteiro, o rexeite colleo Remo e o seu contra un rival Lito, que dispara mais ala da liña de puntos con forza, Luis deixa pasar entre as pernas e balón adentro, 7-1.
Os minutos seguintes mais do mesmo, ataques de cinco visitantes sobre unha pista que se ía convertendo nunha de patinaxe, e un Bizza que non pasaba moitos apuros.
Pasounos nun disparo de falta que consegue desviar a corner, pero no saque deste, xa non pode evitar o gol  no xogo de cinco, 7-2 minuto doce e medio.    
Os minutos foron caendo, e o xogo esvaecéndose cada vez mais, en gran medida, debido ó lamentable estado do terreo.
No minuto dezaseis o 7-3. Penalti de Lito que barre ó borde da área, e inapelable execución de Loren.
Xa nos derradeiros segundos, Luis monta unha contra, apoiase en Lito, e este diante do porteiro, devólvella para que empurre a pracer, 8-3.
Partido que se decantou no primeiro tempo, e que se refrendou no segundo. Non dando ó rival por morto en ningún momento, e pelexando ata o final. Ainda que non sempre o consigamos plasmar, esas son as nosa señas neste MAGNÍFICO ano.
Seguimos líderes, pero a nosa caza continua, xa que os nosos perseguidores gañaron todos a excepción do I.e.s. Coruxo F.S..
O sábado, agárdanos outra final ante o posiblemente mellor conxunto que pasou por Pazos, o Santiago Futsal "B".  
 

No hay comentarios: